Saltar ao contido principal

O día da Candeloria

Moi feliz Candeloria, CEIP Castelao!

Seguramente esteades un pouco confundidos con tantas aves esparexidas polo colexio. Pero estes paxariños tan feitiños que vos visitaron polas aulas non son grúas, senón paxaros namorados que  veñen traernos unha mensaxe...

Porque hoxe é 2 de febreiro! O día da Candeloria ou a festa das Candeas. Sóavos de algo? Seguramente non, pero para iso estamos por aquí, para contárvolo!

Durante moito tempo tratouse dunha data moi importante en distintas culturas porque coincide coa metade do inverno, o que significa que só queda medio inverno máis para chegar á primavera. Por este mesmo motivo, constituía un día sinalado nos ciclos naturais, e pobos coma o romano ou o celta celebrábano con moita alegría. Trátase dunha época na que, pese a non ser aínda primavera, comezan a percibirse cambios na contorna: as árbores e as plantas amosan os seus primeiros xermolos e os paxaros buscan parella e prepáranse para as súas longas viaxes migratorias.

Así pois, na mitoloxía celta, durante estas datas celebraban o Imbolc, que é un dos seus catro principais festivais. O Imbolc constituía unha festa da luz, de acordo co feito de que o inverno comeza a abrirse e os días son cada vez un pouquiño máis longos.

Pola súa parte, na antiga Roma celebrábanse as Lupercais, en honra a Luperca, a loba que aleitou aos famosos Rómulo e Remo.

Á Igrexa esta festa da natureza non lle acabou de convencer, e preferiu modificala un pouco, así que no ano 492 o papa Xelasio I decidiu transformala nunha celebración relixiosa onde a luz seguía tendo todo o protagonismo. Deste xeito, realizábanse procesións con candeas acendidas durante toda a noite, algo moi fermoso de ver. Como cando nos concertos acendemos a lanterna do móbil, pero co encanto da cera e das chamas escintilantes.

Pero volvendo ao noso tempo e ao que significa esta data, como dicíamos, arredor da Candeloria comezan a agromar os primeiros xermolos das plantas e os paxariños comezan a buscar parella (aínda que este ano con tanta choiva está a ser compricado). Por iso se di que a Candeloria é a data na que casan os paxariños e, como reza o refrán: A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa [descargar debuxo aquí].

E con isto de que a natureza comeza a aflorar e os paxariños buscan parella, algunhas persoas consideran que o día das persoas namoradas debería celebrarse o 2 de febreiro porque, á fin de contas, é unha celebración dedicada ao curso da natureza, que en Galicia tivo moito peso, e quédanos máis preto ca o arquicoñecido santo romano.

En calquera caso, pensamos que sexa un día ou outro, celebrar o amor sempre está ben! E non só o amor romántico, senón tamén o amor á familia, ás amizades, á veciña que sempre ten un detalle con nós… En definitiva, parécenos fermosísimo celebrar o amor con aquelas persoas que nos coidan e que fan que os nosos días estean cheos de luz. Así que, desde aquí, e coa escusa da Candeloria ou do San Valentín, animámosvos a escribirlle unhas palabras a esa persoa que sempre está aí… e se é en galego, moito mellor. 😊

E se vedes uns paxariños voando xuntos estes días xa sabedes... seguramente estean de celebración!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O noso Samaín

Ola, familia Castelao! Estamos moi emocionadas porque xa comezamos outubro, o mes no que celebramos o Samaín. Ata hai moi pouco tempo, o noso querido Samaín era coñecido, por mor do contido multimedia, como Halloween, a famosa celebración anglosaxoa. Pero a verdade é que en Galicia nunca existiu un Jalogüin nin nada que soase similar. Se lles preguntades aos vosos avós e avoas pola celebración desas datas, seguramente vos falen da noite de Defuntos, noite das Ánimas ou noite dos calacús, que non son outra cousa que cabazas. Foi o profesor Rafael López Loureiro quen, a través dun estudo, relacionou as festas que celebraban as nosas avoas e avós cos ritos célticos que tiveron lugar hai máis de 3.000 anos. O termo Samaín provén da palabra galaica Samhain, que significa “fin do verán e inicio da invernía”. E precisamente isto era o que celebraban os celtas hai moitos, moitos anos. Esta data, a noite do 31 de outubro, marcaba o fin da recolleita de colleitas e o inicio dun novo ciclo de es...

CONCURSO MAGOSTÍN

Boa tarde, benquerida comunidade!   Achégase a data máis esperada de outubro... o Samaín! E, por ese motivo, queremos lanzar un concurso para que nos axudedes a crear a mascota que este curso acompañará o noso PDI de centro: MAXIA E FANTASÍA! Como vai nacer en outubro, cremos que será un personaxe moi outonal. E que hai máis outonal ca o Magosto? Por iso se chamará Magostín . Ademais, seguramente naza impregnada da maxia que arrodea esta fin de mes... E é que outubro é un mes moi máxico e, ademais, en Galicia temos moita maxia e fantasía!  Seguro que lembrades os seres mitolóxicos que coñecemos en cursos anteriores... Para os que acabades de chegar ao cole, falamos de figuras como o nubeiro ou a coca. Pois ben, para elaborar a Magostín deberedes crear un debuxo (Primaria) ou unha colaxe (Infantil) baseándovos nas características dos nosos seres mitolóxicos. Aquí vos deixamos unha presentación coas normas de participación e con algunhas ideas de seres mitolóxicos que p...

Letras Galegas 2025

Prezada Comunidade Educativa: Este sábado 17 de maio, celebrouse unha das conmemoracións máis representativas da nosa Comunidade Autónoma: As  Letras Galegas 2025 . Este ano, dedicadas á poesía popular oral, as homenaxeadas van da man das pandeireteiras  Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido. Mulleres que, entre outras tantas, mantiveron viva a tradición oral.  No cole, quixemos visualizar o seu legado polo que, o pasado martes 13 de maio, contamos coa visita das pandeireteiras  Maria Rueiro e Carmen , que nos deleitaron cos seus cantos e aprendéronnnos os toques básicos de pandeireta: GRAZAS! (peme na imaxe para acceder a galería de fotos) Como cada ano, nestas datas tan sinaladas, publicamos   a  Revista das Letras Galegas:  As nosas Cousas .  Deseñada polo alumnado e profesorado con moito a garimo e creatividade, adxuntamos o enlace agardando que sexa do voso goce: (preme na imaxe p...