Saltar ao contido principal

23F: Rosalía de Castro

Benqueridas lectoras da nosa bitácora! Hoxe celébrase o Día de Rosalía de Castro, por ser o día do seu aniversario. 

Imaxe da web de Cumio Editora.

Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837 en Conxo (Santiago de Compostela) e é unha das autoras galegas máis coñecidas ao longo do mundo. Si, ao longo do  mundo, sen esaxerar. Non esaxeramos porque Rosalía sexa galega e a súa obra nos guste moito ou porque lle dese valor a nosa lingua e cultura, senón que de certo a súa obra e figura é recoñecida máis alá do que imaxinamos. Porque... sabiades que Rosalía de Castro aparece nos cómics de Batman? E que ten un mural en Nova York da man da artista viguesa Vanesa Álvarez? E que a súa imaxe voa nun avión da compañía Norwegian Air? Pero non só iso, senón que o nome de Rosalía resoa a millóns de quilómetros do noso propio planeta, xa que a escritora conta cunha estrela co seu nome. Si, si, como oídes. Aí fóra no ceo estrelado hai unha estrela que se chama Rosalía de Castro en honra a nosa gran poeta. E aínda que desde aquí se vexa ben pequeniña e tímida pola distancia, a estrela de Rosalía é un pouco máis grande que a nosa estrela o Sol. Como recitaba Rosalía en Cantares Gallegos «Cada estrela, o seu diamante» e ela xa ten o seu propio no firmamento.

Rosalía foi  unha novelista e unha gran pioneira da poesía española moderna e do pensamento feminista, pero ademais foi unha peza clave do Rexurdimento. E que é isto do Rexurdimento? Trátase dun movemento que estudaredes no instituto, pero dito así de forma moi rápida e resumida, consistiu en pór en valor a lingua e cultura galega nunha época en que estaba moi deostada. Escribir usando a lingua galega non tiña ningún sentido. E pese a que Rosalía empregaba tamén a lingua castelán nas súas publicacións, o uso da lingua galega en libros como Cantares Gallegos foi  todo un acto revolucionario e por iso, o día das Letras Galegas se celebra o 17 de maio, coincidindo co día en que se publicou Cantares Gallegos (que por certo, se fixo en Vigo).

Estudar a  Rosalía de Castro non é unha tarefa do todo doada, xa que existen moitas lagoas e datos contraditorios en torno a súa vida. Pero outros datos pertencentes a súa traxectoria vital e publicacións están máis que refutados. Poderiámonos estender por aquí con eles, pero pensamos que este magnífico Genially elaborado por distintos centros da provincia de Coruña e Ourense coa colaboración de Davila, resulta moito máis entretido para achegarse á autora.

Para aquelas persoas que quedástedes con ganas de seguir pondo a proba o voso coñecemento, deixámosvos un rosco elaborado colaborativamente tamén por centros da provincia da Coruña, provincia onde Rosalía pasou parte da súa vida.
E para as que queirades afondar máis na vida e obra de Rosalía de Castro, deixámosvos por aquí un vídeo moi didácticto de @neeumatiko.

A Asociación Galega da Guía do Libro Infantil e Xuvenil tamén elaborou unha guía sobre Rosalía para afondarnos na súa vida e obra. Algunhas destas recomendacións podedes atopalas na nosa marabillosa biblioteca!

Xa para rematar, deixámosvos por aquí unha peza musical: o poema Alborada interpretado por Uxía. Desta vez a elección foi difícil porque hai moitos poemas de Rosalía musicalizados, como o tributo que o Concello da Estrada lle fai ano tras ano a Rosalía e que podedes escoitar na súa canle. Mais a Alborada ten unha beleza especial, algo de optimismo que casa moi ben co mes da Candeloria, por iso finalmente nos decantamos por ela. Esperamos que a desfrutedes tanto coma nós! Feliz día da nosa Rosalía!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O noso Samaín

Ola, familia Castelao! Estamos moi emocionadas porque xa comezamos outubro, o mes no que celebramos o Samaín. Ata hai moi pouco tempo, o noso querido Samaín era coñecido, por mor do contido multimedia, como Halloween, a famosa celebración anglosaxoa. Pero a verdade é que en Galicia nunca existiu un Jalogüin nin nada que soase similar. Se lles preguntades aos vosos avós e avoas pola celebración desas datas, seguramente vos falen da noite de Defuntos, noite das Ánimas ou noite dos calacús, que non son outra cousa que cabazas. Foi o profesor Rafael López Loureiro quen, a través dun estudo, relacionou as festas que celebraban as nosas avoas e avós cos ritos célticos que tiveron lugar hai máis de 3.000 anos. O termo Samaín provén da palabra galaica Samhain, que significa “fin do verán e inicio da invernía”. E precisamente isto era o que celebraban os celtas hai moitos, moitos anos. Esta data, a noite do 31 de outubro, marcaba o fin da recolleita de colleitas e o inicio dun novo ciclo de es...

CONCURSO MAGOSTÍN

Boa tarde, benquerida comunidade!   Achégase a data máis esperada de outubro... o Samaín! E, por ese motivo, queremos lanzar un concurso para que nos axudedes a crear a mascota que este curso acompañará o noso PDI de centro: MAXIA E FANTASÍA! Como vai nacer en outubro, cremos que será un personaxe moi outonal. E que hai máis outonal ca o Magosto? Por iso se chamará Magostín . Ademais, seguramente naza impregnada da maxia que arrodea esta fin de mes... E é que outubro é un mes moi máxico e, ademais, en Galicia temos moita maxia e fantasía!  Seguro que lembrades os seres mitolóxicos que coñecemos en cursos anteriores... Para os que acabades de chegar ao cole, falamos de figuras como o nubeiro ou a coca. Pois ben, para elaborar a Magostín deberedes crear un debuxo (Primaria) ou unha colaxe (Infantil) baseándovos nas características dos nosos seres mitolóxicos. Aquí vos deixamos unha presentación coas normas de participación e con algunhas ideas de seres mitolóxicos que p...

Letras Galegas 2025

Prezada Comunidade Educativa: Este sábado 17 de maio, celebrouse unha das conmemoracións máis representativas da nosa Comunidade Autónoma: As  Letras Galegas 2025 . Este ano, dedicadas á poesía popular oral, as homenaxeadas van da man das pandeireteiras  Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido. Mulleres que, entre outras tantas, mantiveron viva a tradición oral.  No cole, quixemos visualizar o seu legado polo que, o pasado martes 13 de maio, contamos coa visita das pandeireteiras  Maria Rueiro e Carmen , que nos deleitaron cos seus cantos e aprendéronnnos os toques básicos de pandeireta: GRAZAS! (peme na imaxe para acceder a galería de fotos) Como cada ano, nestas datas tan sinaladas, publicamos   a  Revista das Letras Galegas:  As nosas Cousas .  Deseñada polo alumnado e profesorado con moito a garimo e creatividade, adxuntamos o enlace agardando que sexa do voso goce: (preme na imaxe p...