Ola, familia Castelao! Estamos moi emocionadas porque xa comezamos outubro, o
mes no que celebramos o Samaín. Ata hai moi pouco tempo, o noso querido Samaín
era coñecido, por mor do contido multimedia, como Halloween, a famosa
celebración anglosaxoa. Pero a verdade é que en Galicia nunca existiu un
Jalogüin nin nada que soase similar. Se lles preguntades aos vosos avós e avoas
pola celebración desas datas, seguramente vos falen da noite de Defuntos, noite
das Ánimas ou noite dos calacús, que non son outra cousa que cabazas. Foi o
profesor Rafael López Loureiro quen, a través dun estudo, relacionou as festas
que celebraban as nosas avoas e avós cos ritos célticos que tiveron lugar hai
máis de 3.000 anos. O termo Samaín provén da palabra galaica Samhain, que
significa “fin do verán e inicio da invernía”. E precisamente isto era o que
celebraban os celtas hai moitos, moitos anos. Esta data, a noite do 31 de
outubro, marcaba o fin da recolleita de colleitas e o inicio dun novo ciclo de
escuridade e frío, tal e como acontece en Galicia. Ademais, o Samaín está moi
vinculado ao Magosto. O antropólogo Quintía explica que, tradicionalmente, na
celebración de Defuntos se incluían tamén os magostos e outros ritos de carácter
funerario. As castañas eran un dos alimentos máis abundantes e nutritivos en
Galicia e a celebración dos magostos compartía moitos aspectos co Samaín celta:
a celebración dos banquetes, o lume, emborrallarse a cara coa cinza… E é por iso
que este curso desde o colexio decidimos afastarnos un pouquiño do Halloween e
achegarnos a nosa propia tradición ou mesmo crear xuntos unha nova. Da festa no
colexio encargámonos nós, pero precisamos a vosa colaboración para os disfraces.
Defuntos, noite de Ánimas, calacús… chamédeslle como lle queirades chamar, en
Galicia temos a nosa propia festa para esta noite. E con ela, as nosas propias
tradicións: comer castañas, pintar a cara con cinza, tallar cabazas ou calacús e
deixar ofrendas ás ánimas dos mortos que nos visitan estes días. A idea é evitar
disfraces vinculados ao mundo anglosaxón como pasallo de It, Joker, bonecos
diabólicos, Spiderman, Mércores Addams...e ter uns disfraces un pouco máis ...
xenuínos. Como sabemos que non é nada doado evitar as tendencias do mercado,
queremos facilitárvolo propoñéndovos unha serie de ideas... algunhas máis
inocentes e outras máis terroríficas.
IDEAS DE DISFRACES PARA O NOSO SAMAÍN
- Elementos do Samaín/Defuntos: cabazas, candeas, caveiras, esqueletos, pantasmas...
- Froitos de outono: cogomelos, cabazas, ourizos/castañas, follas...
- Animais do outono, noite ou vinculados a maxia: mouchos, morcegos, raposos, sapos, serpes, ratos, arañas (arañeiras...)...
- Os seres da mitoloxía galega:
- Coco: similar a unha pantasma. A súa cabeza é unha cabaza da que sae lume. Visita as crianzas que non queren durmir.
- Diaño: adopta a figura de animal (cabalo, vaca, carneiro...) e asusta e desorienta aos camiñantes nocturnos.
- Druida: sabio da natureza e da maxia moi conectado co bosque. Pode levar túnica verde, bastón de madeira, coroa de follas e un saquiño para as súas herbas e obxectos máxicos.
- Gatipedro: gato branco cun corno na cabeza. Camiña apoiándose nas catro patas e na lingua. polas noites visita as crianzas durmidas para facelas mexar.
- Lobishome: home que de cando en vez, transforma en lobo.
- Lumia: cara de muller e corpo de dragón. ás veces ten pés de cabra. saen dos cemiterios para chupar o sangue da xente.
- Mouras: seres que viven en fontes, covas ou castros. Son moi fermosas e teñen poderes máxicos. Poden adoptar forma ou trazos de animais e vincúlanse cos tesouros e coa natureza.
- Nubeiro: home pequeno co corpo cuberto de pelo e un rabo longo e retorcido. Desprázase subido a unha nube e produce tormentas e lanza raios a súa vontade.
- Olláparo: xigante cun só ollo no medio da fronte, feroz e moi salvaxe. Adora comer carne humana.
- Tarasca ou coca: ten corpo de dragón e cola de de serpe. Do lombo nácenlle dúas ás semellantes as dos morcegos. Ten catro patas, e unha boca con dentes afiados.
- Tardo: trasno peludo e de cor verde. responsable dos pesadelos nocturnos
- Urco: can negro ou branco con cornos e orellas longas, sae do mar arrastrando cadeas.
- Outras figuras: meiga do pobo, castañeira/o, curandeira, Apalpador, ánima, esqueletos, pantasma, beata…
- Personaxes de contos de outono/medo: Corre corre cabaciña, A casa do rato Renato, A cabaza que non sabe asustar, Carabuñas, O noso Samaín, A bruxa regañadentes, A colleita de ratiño, Hai alguén máis feroz ca min?, Algo pasa na casa do lobo, Valentina nunca calas e o monstro da media cara, A visita dos troles...
Aquí podedes ver algúns disfraces do alumnado que se animou o curso anterior:
Todos os anteriores son exemplos para facilitarvos a busca ou confección dun disfrace. Non obstante podedes deixar voar a vosa imaxinación para vestir o Castelao do xeito máis arrepiante que se vos ocorra! Feliz outubro!
CONCURSO DE DISFRACES PARA O NOSO SAMAÍN
E como non podería ser doutra maneira... presentamos o noso tan esperado CONCURSO DE DISFRACES 2026. Éste ano o concurso irá destinado ao alumnado que empregue disfraces vinculados aos anteriormente citados, cos seguintes criterios a valorar:
- Que non sexa mercado, é dicir, o máis caseiro posible, aínda que conteña algún elemento mercado.
- Orixinalidade e creatividade.
- Disfrute na confección do mesmo.
Moitas grazas pola vosa constante colaboración. Encheremos o cole Castelao de tradicción galega!





Comentarios
Publicar un comentario