Saltar ao contido principal

O noso Samaín


Ola, familia Castelao! Estamos moi emocionadas porque xa comezamos outubro, o mes no que celebramos o Samaín. Ata hai moi pouco tempo, o noso querido Samaín era coñecido, por mor do contido multimedia, como Halloween, a famosa celebración anglosaxoa. Pero a verdade é que en Galicia nunca existiu un Jalogüin nin nada que soase similar. Se lles preguntades aos vosos avós e avoas pola celebración desas datas, seguramente vos falen da noite de Defuntos, noite das Ánimas ou noite dos calacús, que non son outra cousa que cabazas. Foi o profesor Rafael López Loureiro quen, a través dun estudo, relacionou as festas que celebraban as nosas avoas e avós cos ritos célticos que tiveron lugar hai máis de 3.000 anos. O termo Samaín provén da palabra galaica Samhain, que significa “fin do verán e inicio da invernía”. E precisamente isto era o que celebraban os celtas hai moitos, moitos anos. Esta data, a noite do 31 de outubro, marcaba o fin da recolleita de colleitas e o inicio dun novo ciclo de escuridade e frío, tal e como acontece en Galicia. Ademais, o Samaín está moi vinculado ao Magosto. O antropólogo Quintía explica que, tradicionalmente, na celebración de Defuntos se incluían tamén os magostos e outros ritos de carácter funerario. As castañas eran un dos alimentos máis abundantes e nutritivos en Galicia e a celebración dos magostos compartía moitos aspectos co Samaín celta: a celebración dos banquetes, o lume, emborrallarse a cara coa cinza… E é por iso que este curso desde o colexio decidimos afastarnos un pouquiño do Halloween e achegarnos a nosa propia tradición ou mesmo crear xuntos unha nova. Da festa no colexio encargámonos nós, pero precisamos a vosa colaboración para os disfraces. Defuntos, noite de Ánimas, calacús… chamédeslle como lle queirades chamar, en Galicia temos a nosa propia festa para esta noite. E con ela, as nosas propias tradicións: comer castañas, pintar a cara con cinza, tallar cabazas ou calacús e deixar ofrendas ás ánimas dos mortos que nos visitan estes días. A idea é evitar disfraces vinculados ao mundo anglosaxón como pasallo de It, Joker, bonecos diabólicos, Spiderman, Mércores Addams...e ter uns disfraces un pouco máis ... xenuínos. Como sabemos que non é nada doado evitar as tendencias do mercado, queremos facilitárvolo propoñéndovos unha serie de ideas... algunhas máis inocentes e outras máis terroríficas. 

IDEAS DE DISFRACES PARA O NOSO SAMAÍN 

  • Elementos do Samaín/Defuntos: cabazas, candeas, caveiras, esqueletos, pantasmas... 
  • Froitos de outono: cogomelos, cabazas, ourizos/castañas, follas... 
  • Animais do outono, noite ou vinculados a maxia: mouchos, morcegos, raposos, sapos, serpes, ratos, arañas (arañeiras...)... 
  • Os seres da mitoloxía galega: 
    • Coco: similar a unha pantasma. A súa cabeza é unha cabaza da que sae lume. Visita as crianzas que non queren durmir. 
    • Diaño: adopta a figura de animal (cabalo, vaca, carneiro...) e asusta e desorienta aos camiñantes nocturnos.
    • Druida: sabio da natureza e da maxia moi conectado co bosque. Pode levar túnica verde, bastón de madeira, coroa de follas e un saquiño para as súas herbas e obxectos máxicos. 
    • Gatipedro: gato branco cun corno na cabeza. Camiña apoiándose nas catro patas e na lingua. polas noites visita as crianzas durmidas para facelas mexar.
    • Lobishome: home que de cando en vez, transforma en lobo.
    • Lumia: cara de muller e corpo de dragón. ás veces ten pés de cabra. saen dos cemiterios para chupar o sangue da xente.
    • Mouras: seres que viven en fontes, covas ou castros. Son moi fermosas e teñen poderes máxicos. Poden adoptar forma ou trazos de animais e vincúlanse cos tesouros e coa natureza.
    • Nubeiro: home pequeno co corpo cuberto de pelo e un rabo longo e retorcido. Desprázase subido a unha nube e produce tormentas e lanza raios a súa vontade.
    • Olláparo: xigante cun só ollo no medio da fronte, feroz e moi salvaxe. Adora comer carne humana.
    • Tarasca ou coca: ten corpo de dragón e cola de de serpe. Do lombo nácenlle dúas ás semellantes as dos morcegos. Ten catro patas, e unha boca con dentes afiados. 
    • Tardo: trasno peludo e de cor verde. responsable dos pesadelos nocturnos 
    • Urco: can negro ou branco con cornos e orellas longas, sae do mar arrastrando cadeas. 
  • Outras figuras: meiga do pobo, castañeira/o, bruxa, curandeira, Apalpador, ánima, esqueletos, pantasma, beata… 
  •  Personaxes de contos de outono/medo: Corre corre cabaciña, A casa do rato Renato, A cabaza que non sabe asustar, Carabuñas, O noso Samaín, A bruxa regañadentes, A colleita de ratiño, Hai alguén máis feroz ca min?, Algo pasa na casa do lobo, Valentina nunca calas e o monstro da media cara, A visita dos troles... 
Todos os anteriores son exemplos para facilitarvos a busca ou confección dun disfrace. Non obstante podedes deixar voar a vosa imaxinación para vestir o Castelao do xeito máis arrepiante que se vos ocorra! Feliz outubro!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Letras Galegas 2025

Prezada Comunidade Educativa: Este sábado 17 de maio, celebrouse unha das conmemoracións máis representativas da nosa Comunidade Autónoma: As  Letras Galegas 2025 . Este ano, dedicadas á poesía popular oral, as homenaxeadas van da man das pandeireteiras  Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido. Mulleres que, entre outras tantas, mantiveron viva a tradición oral.  No cole, quixemos visualizar o seu legado polo que, o pasado martes 13 de maio, contamos coa visita das pandeireteiras  Maria Rueiro e Carmen , que nos deleitaron cos seus cantos e aprendéronnnos os toques básicos de pandeireta: GRAZAS! (peme na imaxe para acceder a galería de fotos) Como cada ano, nestas datas tan sinaladas, publicamos   a  Revista das Letras Galegas:  As nosas Cousas .  Deseñada polo alumnado e profesorado con moito a garimo e creatividade, adxuntamos o enlace agardando que sexa do voso goce: (preme na imaxe p...

Samaín 2024

 Prezadas familias! Hoxe comezamos a semana que Conmemora o Samaín. Como pistoletazo, e grazas a vosa colaboración, faremos o Concurso de Debuxos e Relatos que dan visibilidade á figura dos Seres Mitolóxicos de Galicia.   Lembrade que desde o Equipo de Biblioteca, contamos coa proposta da " hora de ler a escuras ": E xa no mes de Novembro,  continuaremos dándolle vida a nosa tradición galega grazas a Exposición dos Froitos de Outono . 

Letras Galegas 2024

Querida Comunidade Educativa: Chegamos a unha das Conmemoracións máis representativas da nosa Comunidade Autónoma: Letras Galegas 2024 . Éste ano da man da escritora homenaxeada, Luísa Villalta Gómez . C omo cada ano, publicamos   a Revista das Letras Galegas:  As nosas Cousas .  Deseñada polo alumnado, profesorado e familias con moito a garimo e creatividade, adxuntamos o enlace esperando que sexa do voso goce: 17 de Maio Día das Letras Galegas