Máscaras galegas!

As máscaras galegas presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir as seguintes:
Os vellos son as máscaras máis sinxelas, pois lógranse cunha pouca de roupa vella, porca e fachosa. Chámanse felos, borralleiros, borrallosos, cinseiros, vellos, charrúas, pallasos, irrios, peliqueiros, farandulleiros..., dependendo do lugar. Son os que fan as bromas pesadas e toda clase de porcalladas, pero son os que fan máis chiste e os máis celebrados. Existen por todo o país.
Os boteiros son propios das terras do  Bolo. Levan camisa feita con cintas de cores fruncidas, pantalón vermello, campás penduradas no van e, na testa, un tocado que consiste nunha complicada armazón de arame ou de madeira que se articula na carauta, pintada de negro e cos beizos vermellos. Levan un pau sobre o que se apoian para dar viravoltas.
Os xenerais saen nas terras da Ulla, montados sobre cabalos ben engalanados e ataviados con vellos traxes militares. Non levan máscaras e tócanse dun pucho tipo napoleónico.  Pronuncian desafíos e sermóns. Posiblemente, a súa orixe estea na invasión francesa.
 Os cigarróns, tamén chamados felos, peliqueiros, murrieiros, choqueiros e charrúas. Levan cinco ou seis chocas das vacas penduradas do van e, na man, un mallo, unha xostra ou unha vexiga. A súa orixe remóntase, de seguro, ao s. XVIII. Non falan; camiñan a brincos facendo soar as chocas e baten en quen encontran
As pantallas, as máscaras típicas de Xinzo de Limia, levan tamén campás penduradas no van, pero desta volta máis pequeniñas. Son máis esveltas ca os cigarróns, pero cumpren unha función semellante.
Os madamitos e as madamitas de Cotobade e doutros lugares de Galicia son máscaras serias, con vestido pretendidamente elegante, e bailan cun certo aire de señorito.


Os volantes de Chantada, levan campaíñas no cinto que fan soar .
Outras máscaras presentes no Entroido galego son os escabicheiros ou merdeiros, as máscaras dos oficios, os maragatos -en lembranza de cando chegaban aquí como arrieiros-, os xitanos, os cubanos, os mouros e negros, os dominós -con coroza-, os demos...

Comentarios