Máscaras galegas: "Os volantes"

Os volantes son os personaxes típicos do Entroido ribeirao. 
Portan sobre a testa os famosos “puchos”, que non son outra cousa que enormes gorros dos que se di que teñen a forma de camarín da Virxe. Estruturas moi pesadas, estímase que poden chegar a pesar 15 quilos. Teñen unha estrutura interna de madeira feita con paus de vimbia ou salgueiro. Sobre ela colgan numerosas cintas ou “colonias” de moita anchura e lonxitude cunha gran profusión de colorido. Tamén é común que sobre o “pucho” se coloquen bonecas e flores que nun tempo eran elaboradas polas mulleres das distintas parroquias. Coméntase que en cada freguesía tiñan un xeito de facelas. Nos ombreiros, os volantes levan panos cunha gran variedade cromática: son os chamados “portugueses”, que se diferencian dos  de cores máis tristes, utilizados antigamente e denominados “mariños”, xa que moitos deles proviñan de ultramar. O volante, sempre masculino, ten unha vestimenta inferior caracterizada por presentar unha serie de bandas con cores moi significativas; son comúns as cores vermella e amarela (por ser como a bandeira española; dise que na antigüidade era a tea máis barata) aínda que na actualidade non é estraño ver os volantes coa cromática azul/branco. 
 
 Estes relevantes personaxes portan un cinto feito en coiro sobre o que penduran un total de 24 campaíñas (as “esquías” de Manzaneda e de Viana do Bolo) que se van alternando en función do seu son; as de timbre grave, denominadas “ machos ”, e as de son agudo ou “femias”. O seu papel ou función é a de protagonista principal, anunciando a festa aló por onde van.

Comentarios