Máscaras galegas: "O Cigarrón"


Grazas á declaración do Entroido en Verín como "festa de interese turístico galego”, o cigarrón é hoxe unha das máscaras máis coñecidas en Galicia. Os traxes elabóranse durante todo o ano. Entre os seus elementos máis sobranceiros destácanse a carauta sorrinte, de bigote e de barba e con amplos coloretes, feita de madeira de breixo; e a mitra, feita de folla de lata e decorada con motivos animais ou vexetais. Na parte traseira, cabeza e mitra van cubertas por unha pelica que hoxe adoita ser de feltro. Camisas, calzas de encaixe e medias brancas compoñen o seu vestiario, que se complementa cunha chaquetiña e cun pano ás costas de cor vermella. As chocas cinguidas ao cinto poden ser femias ou machos de acordo co son que emiten, graves os machos e agudos as femias.

Comentarios